Mar 26 2012

En apoio aos mariscadores…

Categoría: ULunionlibertaria @ 5:27 p.m.

Unión Libertaria (organización de pensamento e acción anarquista de Ferrol) quere manifestar, unha vez máis, o seu apoio aos mariscadores encausados polas accións de oposición á entrada do gaseiro “Galicia Spirit”.
Que naquela posta en marcha “en probas” da regasificadora o auténtico espírito da Galiza libre e rebelde o representou o colectivo dos mariscadores da ría de Ferrol, que puxeron as súas embarcacións ao servizo da lexítima oposición dos habitantes de Ferrol á iniciativa caciquil de Tojeiro e a Xunta, arriscando de xeito noble e afouto a súas vidas, a súa liberdade e os ingresos dos seus fillos, xa que as embarcacións da 3ª lista empregadas para obstaculiza-la entrada do gaseiro eran as empresas nas que se baseaba a economía familiar.
Que aínda lembramos que REGANOSA pasou de ser promovida de xeito ilegal, ocupando e recheando dominio público marítimo-terrestre para un fin distinto ao autorizado a ser participada pola Xunta de Galicia e ser considerada por Conselleiros de Industria de distintos pelaxes como “estratéxica para Galiza”, tendo mesmo a garantía de que as posíbeis perdas serían cubertas con cartos públicos.
Que nesta época de dictadura dos mercados e de grave sumisión das institucións que deberían garantir o benestar e a seguridade públicas, a desobediencia civil dos mariscadores conta -como contou no peirao e na rúa- con todas as nosas simpatías e coas da meirande parte da sociedade ferrolá, que fronte á violencia dos antidisturbios amosou unha capacidade mobilizadora e solidaria que entronca coa dos feitos de hai 40 anos. Que, fronte a todo tipo de coaccións de despacho e porra, o peito aberto e a cabeza levantada dos oito acusados representaban-nos a todos. E que, xa que a complicidade da clase política coa codiza empresarial non dubidou a condearnos a toda a poboación de Ferrolterra ás terribeis consecuencias que unha actividade tan perigosa, a carón dunha planta química, a menos de dous quilómetros do peirao de combustíbeis do Bispón, do Arseal Militar e dos núcleos de poboación das vilas de Mugardos, Fene e Ferrol; solicitamos comparti-la condea que esa institución que leva o fermoso nome de Xustiza poda impoñer aos compañeiros imputados.

Etiquetas: , , ,


Xuñ 15 2009

Unión Libertaria no roteiro de Galiza Non Se Vende + [video]

Categoría: Actividades,ULunionlibertaria @ 6:38 p.m.

Unha volta máis, e baixo o lema ” O negocio do gas apesta”, as xentes que berramos pola demolizón de Reganosa, manifestamo-nós o 5 de Xuño, dia mundial do meio ambiente, polas rúas de Ferrol á carón da Rede Galiza Non Se Vende para denunciar o inmoral negocio do gas e maila destrucción do litoral, así como para amosá-la nosa repulsa á planta regasificadora instalada no interior da Ría.

O roteiro, que aglutinou arredor de trescentas persoas, percorreu as distintas entidades que participan deste noxento consorcio ( Xunta de Galicia, Unión Fenosa, Gadis, Caixa Galicia, Caixa Nova e Banco Pastor) para rematar fronte ao edificio da Autoridade Portuaria no peirao de Curuxeiras, días despois de que se anunciase o posible nomeamento de Francisco Silva Castaño (Director Xeral de Forestal del Atlántico) como Presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.

Compañeir@s de UL, CNT e afíns, xunto con outros colectivos e organizacións contrarios a instalación da planta de gas, tanto dentro como fora da ría, e partidarios doutro módelo económico e enerxético, quixemos estar presentes para visibilizar a insostibilidade do sistema capitalista e maila necesidade de mudá-lo rumbo da sociedade. E alí estivemos coas nosas faixas, panfletos, colantes, petardos e bombas fétidas para que non quedase dúbida de que nos opoñemos a este módelo de desenvolvimento económico, que agora está en crise, baseado na explotación indiscriminada, o expolio e a destrucción dos recursos naturais e das persoas.

Etiquetas: , , ,


Mai 16 2009

Roteiro de “Galiza Non Se Vende” en Ferrol

Categoría: Actividades,Convocatoriasunionlibertaria @ 5:35 p.m.

roteiro RGNSV ferrol
A rede Galiza Non Se Vende acordou organizar dúas novas accións reeivindicativas.
O 31 de maio unha manifestación en Vigo e o venres 5 de xuño ás 20:00 un roteiro-pasarúas contra Reganosa en Ferrol, no que se fará un percorrido polas diferentes empresas participantes na infamia.
Vémonos na rúa…

Etiquetas: , ,