Unión Libertaria (organización de pensamento e acción anarquista de Ferrol) quere manifestar, unha vez máis, o seu apoio aos mariscadores encausados polas accións de oposición á entrada do gaseiro “Galicia Spirit”.
Que naquela posta en marcha “en probas” da regasificadora o auténtico espírito da Galiza libre e rebelde o representou o colectivo dos mariscadores da ría de Ferrol, que puxeron as súas embarcacións ao servizo da lexítima oposición dos habitantes de Ferrol á iniciativa caciquil de Tojeiro e a Xunta, arriscando de xeito noble e afouto a súas vidas, a súa liberdade e os ingresos dos seus fillos, xa que as embarcacións da 3ª lista empregadas para obstaculiza-la entrada do gaseiro eran as empresas nas que se baseaba a economía familiar.
Que aínda lembramos que REGANOSA pasou de ser promovida de xeito ilegal, ocupando e recheando dominio público marítimo-terrestre para un fin distinto ao autorizado a ser participada pola Xunta de Galicia e ser considerada por Conselleiros de Industria de distintos pelaxes como “estratéxica para Galiza”, tendo mesmo a garantía de que as posíbeis perdas serían cubertas con cartos públicos.
Que nesta época de dictadura dos mercados e de grave sumisión das institucións que deberían garantir o benestar e a seguridade públicas, a desobediencia civil dos mariscadores conta -como contou no peirao e na rúa- con todas as nosas simpatías e coas da meirande parte da sociedade ferrolá, que fronte á violencia dos antidisturbios amosou unha capacidade mobilizadora e solidaria que entronca coa dos feitos de hai 40 anos. Que, fronte a todo tipo de coaccións de despacho e porra, o peito aberto e a cabeza levantada dos oito acusados representaban-nos a todos. E que, xa que a complicidade da clase política coa codiza empresarial non dubidou a condearnos a toda a poboación de Ferrolterra ás terribeis consecuencias que unha actividade tan perigosa, a carón dunha planta química, a menos de dous quilómetros do peirao de combustíbeis do Bispón, do Arseal Militar e dos núcleos de poboación das vilas de Mugardos, Fene e Ferrol; solicitamos comparti-la condea que esa institución que leva o fermoso nome de Xustiza poda impoñer aos compañeiros imputados.
Mar 26 2012