A loita obreira, da man da anarcosindical, sae á rúa de novo en Ferrol este primeiro de maio. Dende Unión Libertaria queremos apoiar esta iniciativa da CNT e chamar á participación nesta xornada reivindicativa e de lembranza dos homes e mulleres que deron o mellor deles mesmos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Especialmente daqueles anarquistas que pagaron dramaticamente coa súa vida nos feitos acontecidos no mes de maio de 1886 en Chicago. Mortos nas revoltas e condenados á forca polas súas ideas pagaron un prezo moi alto por mellorar as condicións laborais e conquistar a xornada de oito horas. Igual que entón as frontes de loita seguen abertas e a emancipación da clase traballadora continúa sendo unha materia pendente.
Nun mundo globalizado e en crise, os poderes fácticos das finanzas e da política servil continúan o seu acoso e derrubo da clase traballadora. Os excesos especulativos da banca en conivencia coas estruturas do poder político están a precarizar as condicións de traballo e os dereitos conquistados. Os miles de millóns que o estado concedeu ás entidades financeiras para tapar buracos son a costa das sucesivas reformas laborais e da merma de servizos, dereitos e prestacións. Dereitos e prestacións que sendo froito do teu traballo ningún pai estado está a regalar.
Esta casta empresarial e financeira caciquil está a especular de novo cos millóns recibidos, a subir soldos de altos cargos e a deslocalizar a produción por medio mundo para explotar e escravizar mentres aquí precarizan e piden “esforzos” en nome da sacrosanta produtividade. Coa complicidade dos sindicatos subvencionados e vendidos ao poder queren facernos máis escravos do traballo asalariado mentres uns poucos ricachóns enchen cada vez máis os petos.
Nesta sociedade consumista e desclasada, a unidade na loita obreira está esnaquizada polos manexos do poder asentado na socialdemocracia capitalista de un paso adiante dez pasos atrás, no sindicalismo cómplice e traidor e na total renuncia a construír un novo modelo de sociedade descapitalizada, libre, responsable, cooperativa e xusta. Unha sociedade verdadeiramente democrática e horizontal na que o traballo sexa participación solidaria e responsable. Na que o pobo en liberdade sexa dono do seu destino.
As frontes abertas son moitas e as loitas inmensas. Unha delas, a da dignidade dos traballadores e traballadoras estará na rúa este primeiro de maio en Ferrol. Nós xa estamos fartas. Xa abonda de mentiras e falsas promesas. Que non te enganen máis. Únete á mobilización e deixa oír a túa voz. Participa este primeiro de maio en Ferrol na manifestación coa CNT.
Unión Libertaria
Ferrol 29 de abril