A loita obreira, da man da anarcosindical, sae á rúa de novo en Ferrol este primeiro de maio. Dende Unión Libertaria queremos apoiar esta iniciativa da CNT e chamar á participación nesta xornada reivindicativa e de lembranza dos homes e mulleres que deron o mellor deles mesmos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Especialmente daqueles anarquistas que pagaron dramaticamente coa súa vida nos feitos acontecidos no mes de maio de 1886 en Chicago. Mortos nas revoltas e condenados á forca polas súas ideas pagaron un prezo moi alto por mellorar as condicións laborais e conquistar a xornada de oito horas. Igual que entón as frontes de loita seguen abertas e a emancipación da clase traballadora continúa sendo unha materia pendente.
Nun mundo globalizado e en crise, os poderes fácticos das finanzas e da política servil continúan o seu acoso e derrubo da clase traballadora. Os excesos especulativos da banca en conivencia coas estruturas do poder político están a precarizar as condicións de traballo e os dereitos conquistados. Os miles de millóns que o estado concedeu ás entidades financeiras para tapar buracos son a costa das sucesivas reformas laborais e da merma de servizos, dereitos e prestacións. Dereitos e prestacións que sendo froito do teu traballo ningún pai estado está a regalar.
Esta casta empresarial e financeira caciquil está a especular de novo cos millóns recibidos, a subir soldos de altos cargos e a deslocalizar a produción por medio mundo para explotar e escravizar mentres aquí precarizan e piden “esforzos” en nome da sacrosanta produtividade. Coa complicidade dos sindicatos subvencionados e vendidos ao poder queren facernos máis escravos do traballo asalariado mentres uns poucos ricachóns enchen cada vez máis os petos.
Nesta sociedade consumista e desclasada, a unidade na loita obreira está esnaquizada polos manexos do poder asentado na socialdemocracia capitalista de un paso adiante dez pasos atrás, no sindicalismo cómplice e traidor e na total renuncia a construír un novo modelo de sociedade descapitalizada, libre, responsable, cooperativa e xusta. Unha sociedade verdadeiramente democrática e horizontal na que o traballo sexa participación solidaria e responsable. Na que o pobo en liberdade sexa dono do seu destino.
As frontes abertas son moitas e as loitas inmensas. Unha delas, a da dignidade dos traballadores e traballadoras estará na rúa este primeiro de maio en Ferrol. Nós xa estamos fartas. Xa abonda de mentiras e falsas promesas. Que non te enganen máis. Únete á mobilización e deixa oír a túa voz. Participa este primeiro de maio en Ferrol na manifestación coa CNT.
Unión Libertaria
Ferrol 29 de abril
Etiquetas: 1 maio, anarcosindicalismo, CNT, loita, sindicalismo
O grupo anarquista Unión Libertaria de Ferrol, chama a toda a xente a participar activamente na manifestación convocada o vindeiro 16 de abril, ás 16 horas, no Campo da Leña, contra o desaloxo da Casa das Atochas.
Novamente o estado e os seus esbirros amosan a súa verdadeira face, como ferramentas do empresariado contra as persoas. Nesta ocasión, a xustiza e as forzas de orde pública traballaron para unha empresa privada, a do especulador Pérez Paz, S.L. Mentres facían desaparecer un fermoso espazo de creación e loita como é a Casa das Atochas, amparaban as actividades ilegais de Pérez Paz S.L., desfacendo o edificio, probablemente sen licencia de obras e sen condicións de seguridade de ningún tipo. Deste xeito ficou claro que os especuladores non desexaban utilizar o edificio, senón unicamente desaloxar ás persoas que alí estaban facendo actividades; a súa conducta antisocial foi apoiada pola xustiza e as forzas de orde pública.
Pola nosa parte, desexamos manifestar todo o noso apoio ao grupo de persoas que ten activado a Casa das Atochas como un espazo de loita e creación para todas as persoas que por alí quixeron pasar. Estamos seguros de que a Casa das Atochas segue viva e volverá a activarse nese ou noutros espazos. Porque pensamos que a vosa loita é a de todos e todas, chamamos á xente a participar na manifestación do vindeiro sábado e a reactivar o proxecto onde queira que continúe o seu camiño.
Unión Libertaria
Ferrol, 14 de abril de 2011
Etiquetas: anticapitalismo, autoxestion, casa das atochas, cso, cultura, loita, ocupación, okupación, represión
A Livraria Anarquista é a loja do grupo anarquista “Unión Libertaria” de Ferrol. Há tempo que o nosso grupo tem um serviço de livraria que atendemos em nosso local de Ferrol e que movemos por fora em festivais e feiras. Mas agora damos um passo para adiante com a abertura da Livraria Anarquista, como espaço físico em nosso local e na Internet.
A nossa intenção é a de oferecer aos leitores e leitoras a possibilidade de comprar na nossa loja um extenso catálogo de livros e outros materiais relacionados com as ideias e práticas libertárias, assim como outros movimentos antiautoritários. Na loja há livros e brochuras em galego, espanhol e português, há documentários, jornais e camisolas, mas a Livraria Anarquista não é um negócio; é uma montra de materiais antiautoritários, que atendemos com a ideia de contribuir a difundir as ideias anarquistas na Galiza.
Na actualidade temos mais dum cento de livros e publicações de até 40 editoriais da Galiza, Portugal, Brasil e o resto do mundo. Podes adquiri-los em nosso local (Avenida de Esteiro, 10, rés-do-chão, Ferrol) e também fazer o pedimento para o envio pelos correios na loja on-line (http://livraria.unionlibertaria.org).
Se és editor ou publicas algum material, também podes contactar connosco para ter as tuas publicações na Livraria Anarquista, escrevendo a este correio: livraria.anarquista@gmail.com
Um fraternal abraço
A Livraria Anarquista
Etiquetas: anarquismo, libros, livraria anarquista